9/3/09

Segue a pista!

A próxima reunión, sobre a temática "D, de detectives e intriga", celebrarase no lugar e hora acordados.
Se formas parte desta sociedade secreta, lembrarás o día...
mércores 18 de marzo
(mércores 18 de marzo, shhhhh!!!)
Ollo cambiouse a data de reunión!

13/2/09

Foi de cómic!!

Este mércores (11 de febreiro) charlamos sobre as nosas lecturas de cómics. Na conversa descubrimos a novos adeptos ao xénero; lectores que os aborrecían porque asociábanos ás lecturas da infancia e que comentaron que descubriran propostas sorprendentes nos cómics para adultos. Neste grupo incluíanse obras con referencias históricas, sociais, intimistas...
Na listaxe de Letras Frescas atoparás os títulos lidos cos comentarios dos lectores. Entra, mira, cotillea...
Moitos destes títulos telos na biblio do MGB!

14/1/09

Boa (e non tan breve) a reunión

Sería pola extensión das obras ou polas vacacións que cáseque todos os membros do club comentaron máis dunha obra. As propostas foron do máis variado, dende Relato de un náufrago, ate O xiro postal.

Na conversa fíxose referencia a El hijo del acordeonista, porque a súa temática vinculouse á posguerra reflectida en Los girasoles...

Se desexas máis información ou deixar o teu comentario, consulta Letras frescas. É posible que a obra que queres comentar estea no historial do blogue porque xa aparecera en temáticas anteriores (por exemplo: 84, Charing Cross Road, Los girasoles ciegos...)


11/1/09

En xaneiro, lemos pola "B, de boa e breve"


O mércores 14 de xaneiro, ás 16,30, na biblioteca do instituto, estades convocados para comentar as lecturas do Nadal, os relatos ou novelas de pequena extensión.

Vémonos alí. Acordádevos de levar as obras, para velas, tocalas, sentilas...

Comezamos ben o ano!


O noso club de lectores acaba de recibir unha subvención da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para este curso 2008-2009. Xa estamos a facer as primeiras compras... Serán de cómic (para febreiro).

Alteridades alteradas...

Con certo (e evidente) retraso, damos conta dos textos comentados no mes de decembro: Como saliva en la arena, Un viejo que leía novelas de amor, Persépolis, Un burka por amor, películas: Babel, La boda del Monzón.

Dous membros do clube, que non puideron acudir, nos fixeron chegar as súas lecturas: Os papalagui, Aroma árabe e El antropólogo inocente.

Se desexas máis información, consulta as súas recensións e comentarios en Letras frescas.

11/12/08

Pola A, de alteridades


Neste curso decidimos comezar polo principio, por iso escollemos as nosas temáticas segundo a orde alfabética. O 17 de decembro vémonos ás 16.30 na biblioteca do instituto para charlar sobre "Alteridades: outras culturas, outras vivencias".

Se aínda non tes escollida a túa/s lectura/s podes consultalas no díptico da biblioteca (está no estante do club)... ou podes visitar a guía realizada pola FGSR http://www.sol-e.com/bancorecursos/guias/multi.pdf


Esperámosvos alí.

7/11/08

De volta!!! (e media)

O club de lectores NA Estrada-525 retoma a súa andaina neste curso. Reunirémonos o mércores 12 de novembro ás 16,30, na Biblioteca do IES Manuel García Barros, para presentármonos.


Para participar neste club precisas moi pouco:
- Ter entre 14 e 90 anos.
- Estar vinculad@ ao IES Manuel García Barros (podes ser alumn@, persoal non docente, pai ou nai dun alumno, ou profesor@).
- Compartir as túas lecturas cos membros do club.

Se necesitas máis información sobre o club, podes falar con Chelo, Juana, Mayte e outros participantes na edición anterior (Paulas, Abel, Alba, María, Fany, Raquel...)

Se queres participar e non podes acudir ese día, fala con Mayte.

Esperámoste. Vémonos alí.






27/6/08

Unha papoula máis outra papoula fan un campo




O mércores 25 de xuño a Asesoría de Bibliotecas Escolares reuniu en Santiago aos coordinadores de Clubs de Lectores en centros escolares de Galicia. Foi un ledicia descubrir a cantidade de persoas que deinteresadamente, ou moi interesadamente -polo pracer que produce- están a compartir lecturas con rapaces, pais, profesores...


Alí comprobamos a calidade das propostas xeradas dende os diferentes centros, ben dende as mesas de experiencias, ben nos materiais presentados ou nas intervencións espontaneas dende o público. O aprendido nestas xornadas tentaremos aplicalo no próximo curso.






24/6/08

Fin de traxecto... temporalmente

O 4 de xuño reunímonos para compartir:

> lecturas sobre ou dende América Latina,

> cafés e pasteis,

> risas e fotos.

Aproveitamos tamén para avaliarmos o percorrido deste Club de Lectores e comentarmos o inicio da nosa próxima andaina, en setembro de 2008. Mentres, poderedes ir escribindo os vosos comentarios en Letras Frescas, lendo "Os imperdibles" (proximamente na pantalla do blogue) e ofrecer as vosas recomendacións de lecturas.

Boas vacacións lectoras!!!